Friday 03 de May de 2024

A Xunta concede 2 axudas por máis de 200.000€ ao concello de Oza-Cesuras para mellorar o punto limpo municipal e reforzar o servizo cun camión itinerante


— Os traballos previstos permitirán cubrir o espazo no que se depositan os residuos e instalar un novo contedor para téxtiles, reforzando así a súa capacidade de recollida

— Ángeles Vázquez pon en valor os máis de 11 M€ destinados polo seu departamento desde 2019 a apoiar ás entidades locais na compra e optimización de instalacións para refugallos especiais como aparellos eléctricos, pilas ou lámpadas, entre outros

A Xunta de Galicia outorgou ao Concello de Oza-Cesuras 2 axudas por un importe global de algo máis de 200.000 euros para, por un lado, mellorar o actual punto limpo municipal, localizado na parroquia de Salto, e por outro, adquirir un camión guindastre cunha caixa preparada para achegar a recollida de residuos especiais como aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), pilas e baterías ou lámpadas fluorescentes, aos diferentes puntos do concello.
Así o indicou esta mañá a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen se achegou ata as instalacións municipais acompañada polo rexedor, Pablo González, para coñecer con máis detalle o proxecto municipal para optimizar o seu funcionamento e capacidade de tratamento.
Neste sentido, cómpre indicar que os traballos de mellora no punto limpo fixo, que comezarán a executarse o próximo ano, inclúen a construción e colocación dunha cuberta con estrutura metálica e panelado de chapa que cubrirá toda a instalación, primando o peche daqueles residuos que polas súas características non deben estar expostos ao sol e á chuvia en aras de garantir a súa correcta reciclaxe e valorización.
Ademais, instalarase un novo contedor especificamente para refugallos téxtiles, ampliando así a capacidade actual das instalacións para recoller diferentes tipoloxías de materiais, e crearase un novo recinto de acceso restrinxido para incrementar o espazo destinado a almacenar RAEE.
Por outra banda, o Concello tamén recibiu unha axuda para comprar un camión lixeiro con guindastre dotado dunha caixa compartimentada que lle permitirá funcionar como punto limpo móbil, facilitando así o acceso das 25 parroquias de Oza-Cesuras ao servizo. En concreto, terá capacidade para recoller pequenos electrodomésticos, roupa e outros téxtiles, móbiles, aceites de cociña, lámpadas, tubos fluorescentes, pilas e baterías.
Tal e como explicou a vicepresidenta, tanto as obras para mellorar as actuais instalacións municipais destinadas á recollida de fluxos especiais de residuos como a adquisición do novo camión guindastre serán subvencionadas nun 90% pola Xunta, asumindo o Goberno local o 10% restante.
Ao respecto, felicitou ao Concello de Oza-Cesuras polo seu compromiso e esforzo por seguir mellorando o servizo que presta á veciñanza en materia de residuos e, particularmente, no relativo á recollida e tratamento dos refugallos especiais. Neste sentido, Ángeles Vázquez lembrou que máis do 94% da poboación galega conta xa cun punto limpo a menos de 10 minutos do seu domicilio, grazas a unha rede dotada na actualidade de 167 instalacións fixas e ao redor de 170 puntos limpos móbiles.
De feito, puxo en valor os máis de 11 millóns de euros que destinou o seu departamento no período 2019-2023 a apoiar ás entidades locais no financiamento dun total de 228 proxectos para poñer en marcha ou optimizar puntos limpos fixos, móbiles e de proximidade, así como instalacións destinadas á preparación para a reutilización de residuos de orixe doméstica.
En concreto e só no marco das axudas convocadas este ano, lembrou que se concederon 72 subvencións por un importe global de 2,2 millóns de euros e das que se beneficiaron preto de 60 concellos galegos e entidades supramunicipais.
Nesta mesma liña de colaboración, a vicepresidenta subliñou que a Xunta ten reservada unha partida de 15,6 millóns de euros nos seus orzamentos de 2024 para seguir axudando aos concellos a mellorar e garantir unha xestión axeitada dos residuos de competencia municipal.